Deixádeme só
inda que sexa por uns intres
deixádeme só co bruído do vento,
coma unha árbore cega na néboa.
Deixádeme só meus amigos,
quen queira que sexades.
Deixádeme fuxir
unha vez máis,coma tantas outras,
moi moi lonxe, onde non se ve o ceo.
Permitídeme escapar, coma escapa a auga entre as pedras.
Deixádeme fuxir meus amigos,
quen queira que sexades.
Deixádeme tamén ir amodiño
ver o mundo pasar sen présa ningunha
como ven pasar o vento as follas que o outono non leva
e que fican soas agardando por quen non as quere.
Deixádeme ir amodiño meus amigos
quen queira que sexades.
Deixádeme por favor soñar
cunha illa feita de pequenos sorrisos
de milleiros de apertas e agarimos
onde as bágoas morran nas mariñas, sen pena.
Deixádeme por favor soñar, meus amigos.
Esteades onde esteades,
quen queira que sexades.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario