miércoles, 28 de enero de 2009

Voamos

Unha tarde fun ver o mar.
Levei un caderno,
para escribir un poema
sobre o solpor.

Era inverno.

Camiñei cara ao sol.
Empezou a chover.
Alcei a vista e busquei,
mais o ceo estaba limpo.

Sen nubes.

A xente ao meu redor
comezou a dar a volta,
fuxindo da chuvia,
en sentido contrario.

Tiñan medo.

A un lado as mulleres,
ao outro os vellos,
acó os homes azuis
máis alá os verdes.

Todos iguais.

Vin como as gotas caían
sobre a cabeza dun home
matándoo no acto.
Era unha chuvia de morte.

Non chorei.

Seguín andando,
coa cabeza gacha.
Durante un instante,
dirixín a vista ao sol.

Era fermoso.

Estremecín ao velo
sangrar sobre o mar.
Achegueime a orela,
a auga era doce.

E quente.

Cando todos fuxiron,
fiquei só. Con medo.
Ao lonxe vin un faro,
era pequeno e gris.

Entón soñei.

Ao chegar vin un neno.
Estaba sentado no chan.
Sentei ao seu carón.
El sorriu e eu chorei.

De ledicia.

Entregueille o caderno.
Leuno durante toda a noite.
Ao chegar o día miroume,
asentiu e ergueuse da miña man.

Apertouna forte.

Caeu do abrente a rosada.
Xermolaron en nós
unhas ás grandes e brancas.
Pechamos os ollos.

Entón voamos.







.